Mar ao Xeito
- Categoría: Proxectos museográficos e montaxe de exposicións
- Data: xullo-agosto 2011
- Cliente: Museo do Mar de Galicia
A exposición Mar ao Xeito presentaba a priori unhas singularidades que ían condicionar o seu deseño e montaxe. Había que concibir unha exposición viaxeira, isto é, para espazos públicos ao aire libre e fácil de trasladar dun lugar ao outro. A mostra articulábase ao redor da lancha xeiteira, un tipo de embarcación desaparecida das rías galegas desde os anos sesenta tras décadas de uso estendido. Pero ademais Mar ao Xeito reivindicaba a memoria da vida marítima e quería homenaxear a aquelas persoas que nas últimas dúas décadas contribuíran a súa recuperación. Mensaxes de calado para unha mostra que debía ser, si ou si, sinxela desde o punto de vista da montaxe.
Contamos para este proxecto coa colaboración do arquitecto Andrés Touceda e do deseñador Antonio Doñate. Optamos polas redes para construír a estrutura ao tratarse dun elemento definitorio da vida do mar e que remitía ao traballo colaborativo despregado nos últimos tempos a prol da cultura marítima. Houbo que falar con redeiras e recorrer aos talleres de toda a vida para atopar a malla adecuada que funcionase como soporte dos contidos expositivos e como arquitectura exterior. Así mesmo fragmentamos a historia que queriamos contar ofrecendo ao visitante pingas de información que redundasen no concepto de exposición portátil e lixeira.
Crónica do xornalista Antonio García en El Mundo sobre a exposición