Premios Grandearea

Tanto cando residían na antiga sede —deseñada por José Bar Boo— como desde que se atopan na nova —idea de Irisarri e Piñera—, a colaboración cos arquitectos de Vigo foi sempre frutífera.

Confían en PXC como aliada para os proxectos expositivos derivados dos premios Grandearea; estes premian traballos en curso, incluso coas obras de construción por comezar e as mostras son unha oportunidade para que o gran público se achegue á actividade dos profesionais da arquitectura da contorna: promocións privadas, vivendas sociais, rehabilitacións particulares, etc. Que destacaríamos? En primeiro lugar, a mostra dos Grandearea 2007, que deseñaron para a Casa das Artes de Vigo os arquitectos Cristina Ansede e Alberto Quintáns. Daquela arrancaba a construción da nova sede do COAG en Vigo e utilizamos para a mostra os tubos de electricidade que despois irían para as obras da casa nova dos arquitectos. Espectaculares metros de tubo vermello que crearon un ambiente propio no interior da Casa das Artes e que reordenaron o espazo en base aos contidos que se querían mostrar. En segundo lugar, os primeiros Grandearea celebrados na nova sede en 2010; daquela a instalación da mostra resolveuse tras un concurso que gañaron Jorge García Anta, Fernando Eiroa e Francisco Xabier Barral.