Á luz do Calixtino. O códice de Santiago

Nesta exposición, comisariada por Francisco Singul e promovida polo Xacobeo, propúñase unha viaxe no tempo a través dos contidos do Códice Calixtino, cuxo orixinal depositado na Catedral de Santiago de Compostela fora roubado en xullo de 2011 e recuperado un ano máis tarde.

Contábase para a mostra cunha edición facsimil do documento, textos, fotografías, unha versión dixital e diversas recreacións audiovisuais. Comezamos o periplo de Á luz do Calixtino en febreiro no Museo del Carmen en Valencia, e continuamos traballando na súa montaxe e desmontaxe posteriormente en Italia no Instituto Cervantes de Nápoles, no Instituto Cervantes de Palermo, no Museo Nicolaiano de Bari e, no mes de agosto, na Comandancia de Mariña de Baiona (Pontevedra). Unha experiencia do máis gratificante que nos permitiu traballar con diferentes equipos humanos e constatar que o roubo do Códice convertérao en materia de grande atractivo para o público.