Antón Patiño 1974-1979. Crónica do artista adolescente
- Categoría: Proxectos museográficos e montaxe de exposicións
- Data: 21 abril 2010-23 maio 2010
- Cliente: Casa das Artes-Concello de Vigo
O pintor Antón Patiño, referente de Atlántica e un dos artistas galegos máis destacados de todos os tempos, quixo volver sobre os seus propios pasos.
Acababa de redescubrir a súa obra primeirísima con motivo dunha exposición colectiva e decidiu reunir na Casa das Artes de Vigo ao redor de 250 pezas daqueles inicios coa axuda do comisario Seve Penelas. No deseño e montaxe desta Crónica do artista adolescente contabamos co primeiro andar do edificio, con estrutura circular. Traballamos estreitamente con artista e comisario para distribuir pinturas de formato grande, formato medio, siluetas de madeira, fotos…
Houbo que procurar solucións para mostrar os traballos de banda deseñada que fixera o xoven Patiño asi como toda unha serie de retratos tomados e manipulados naquel tempo. Optouse por pintar con cores fortes algunhas das salas, como a denominada Berro, de cor vermella, e a chamada Laboratorio, cun ton azulón. A obra seleccionada bebía das mobilizacións sociais, da política, da poesía, da explosión da cor, do rock ou da cultura urbana. O obxectivo era conseguir que a visita á mostra non fose un exercicio de contemplación senón unha viaxe experimental aos revoltos anos setenta.