Pellegrino e Nuovo Apostolo

No mes de agosto o Xacobeo encargounos montar no Palazzo Bonacquisti de Assisi (Italia) a exposición “Pellegrino e Nuovo Apostolo” que conmemoraba a peregrinación a Santiago de San Francisco de Asís.

A encomenda non só se refería á montaxe e desmontaxe da exposición, comisariada por Francisco Singul, senón que incluía ademais a produción de elementos, fundamentalmente soportes para determinadas pezas artísticas (peanas, vitrinas, espaldas e mobiliario) que, por cuestións de peso, delicadeza ou ambas, requeríanos. Desprazouse a Asís durante tres semanas un equipo de traballo que contaba con tres especialistas en manipulación de pezas artísticas, dous técnicos en electricidade, un especialista en iluminación e dous coordinadores expertos en montaxe de exposicións. A mostra contaba con pezas de grande relevancia artística e histórica: escultura, instrumentos medievais, retablos, manuscritos, obxectos sacros, etc. Tamén diferentes representacións pictóricas de San Francisco, coa súa imaxe acompañado dunha caveira, como a asinada por O Greco, unha xoia que pertence á Fundación Colexio Nª Sª da Antigua de Monforte de Lemos.