Quen somos
Produción e Xestión Cultural comeza a súa actividade en 1992 e na actualidade é unha das empresas de referencia en Galicia no ámbito da produción cultural. Desenvolvemos os nosos proxectos sen perder de vista os cambios nos hábitos culturais, botando man de novas ferramentas na xestión cultural e atendendo ao papel fundamental das intervencións comunitarias no noso contorno.
Que facemos
En PXC desenvolvemos as seguintes liñas de traballo:
Produción nas Artes Escénicas
En PXC asuminos que no deseño e desenvolvemento da produción nas artes escénicas hai que atender en primeiro lugar ás potencialidades dos diferentes proxectos. Sexa na produción dun programa completo, como é o caso do Festival Alternativo das Artes Escénicas de Vigo, sexa nunha proposta singular, en PXC dispoñemos dos recursos que precisan a música, o teatro e a danza no século vinteún.
Proxectos museográficos e montaxe de exposicións
Os proxectos museográficos requiren da complicidade de institucións, artistas, comisarios, produtores, deseñadores, editores, etc. En PXC poñemos a funcionar a maquinaria para tratar de maneira exquisita o discurso expositivo dun proxecto, tanto en propostas de arte contemporánea (Antón Patiño. Retrato do artista adolescente. Casa das Artes, Vigo, 2010) como divulgativas (Neuston. Museo do Mar de Galicia e itinerancia, 2010), co obxectivo ademais de organizalo atinadamente no espazo, de maneira que a experiencia da visita sexa do máis satisfactoria.
Eventos sociais
En PXC traballamos na organización de eventos de diversa índole tanto de financiamento público como privado. No ámbito social e comunitario, ocupámonos da organización e posta en marcha de feiras sectoriais, presentacións de proxectos de alcance social, reunións corporativas, actividades lúdicas de participación masiva e actos conmemorativos.
Acción cultural
Entendemos a acción cultural como unha liña de traballo con vocación transformadora. Con ese espíritu xestionamos desde 2003 un programa educativo, Vigopordentro, no que participan preto de vinte mil nenos cada curso escolar. Esa bagaxe impúlsanos a asumir novos retos no campo da didáctica e das propostas formativas.
Como o facemos
A receita baséase na coordinación de equipos, en moitas ocasións multidisciplinares, e na atención aos diferentes públicos que usan, disfrutan ou consumen o traballo cultural. Producir significa tamén traballar en rede e sumar talento a cada proxecto. Por esa razón, en PXC contamos no noso facer cotiá coa colaboración de arquitectos, artistas, deseñadores, escritores e técnicos culturais.